Camiños de auga
28 Maio 2025
Unha parte deste curso dediqueina a investigar sobre os puntos de auga no Camiño de Santiago. A idea xurdiu, como adoita ocorrer, a partir doutro proxecto: Proxecto Lugares de Natalia Balseiro. Nalgún momento apareceu o tema de que as fontes non están sinalizadas e da dificultade para saber o estado da auga, se é potable ou non. Así nace Camiños de auga.
A auga é un recurso esencial para a nosa contorna e benestar. Este estudo confirma como moitos puntos naturais, antes integrados no noso ecosistema, están a desaparecer debido á falta de uso e á auxe da industria da auga embotellada. O proxecto ten como obxectivo poñer en valor este recurso e identificar problemas e necesidades relacionados co acceso á auga no Camiño de Santiago, tanto para os habitantes locais como para os peregrinos.
Propón unha ferramenta dixital para abordar estas necesidades e un concepto especulativo orientado a mellorar a localización e recolección de auga no futuro. Desde unha perspectiva holística, a investigación estruturouse en etapas con indicadores de medición e probas con persoas usuarias, aplicando metodoloxías de deseño centradas nas persoas. O deseño especulativo combina un sistema de vixilancia automática con elementos de autoanálise que se integran nunha aplicación móbil. Este enfoque, aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, fomenta o coidado do territorio, o acceso sostible á auga e a cohesión social no Camiño de Santiago.

O estudo parte dunha investigación documental, dunha observación contextual e dunha análise con persoas usuarias, complementadas cun benchmark. Enmárcase nun enfoque de deseño especulativo que busca promover un uso responsable e saudable das fontes e dos recursos hidráulicos ao longo do Camiño de Santiago. Como resultado, desenvolveuse un prototipo de ferramenta conectada ás fontes, que permite ás persoas usuarias coñecer en todo momento o seu estado.

Investigación en pdf: Caminos de agua
* Esta investigación é un traballo de fin de máster (TFM) Universitario en Deseño de Interacción e Experiencia de Usuario (UX) da Universitat Oberta de Catalunya. Titor: Jordi Virgili Gomà.
As fontes non só proporcionan un recurso esencial, senón que historicamente foron lugares de encontro, descanso e reflexión, fomentando de maneira significativa a cohesión social.