A gráfica feminista
19 Outubro 2018
Este artigo foi publicado no catálogo Alén dos Xéneros, prácticas artísticas feministas en Galicia. Exposición comisariada por Anxela Caramés, realizada no Marco de Vigo e posteriormente no Auditorio de Galicia. Exposición na que deseñamos a gráfica e o catálogo.
O feminismo contemporáneo ten unha historia cargada de marcas e pintadas nas rúas que teñen como función comunicar, dun xeito rápido e directo, as súas mensaxes políticas. Estes graffitis son realizados, a maioría das veces, de maneira espontánea polas propias activistas. Malia seren gráficas bastante precarias, eran –e seguen a selo, en moitos casos– a única forma posible de facer visible e difundir unha mensaxe á marxe do discurso esta- blecido; pódense considerar, daquela, armas de comunicación subversiva e, como tales, ilegais e anónimas.
Algo similar sucede coas pancartas e os carteis que se utilizan nas manifestacións, mesmo co propio corpo cando o empregamos como ferramenta política, aínda que, obviamente, é menos anónimo. En calquera caso, as gráficas que se usan teñen máis en común do que poderiamos pensar en principio.
A gráfica como expresión das ideas