A viaxe
24 Xuño 2024
A viaxe a Nápoles para recoller o EDAwards atópame inmersa na lectura de ‘O deseño como storytelling’ de Ellen Lupton. Ensaio e realidade flúen durante o traxecto, en paralelo, fusionándose na miña mente como unha soa historia. Acto I: a acción. O arco narrativo segue a clásica viaxe do heroe, onde o protagonista abandona a súa rutina para embarcarse nunha aventura e regresa cunha recompensa ou transformación, ou como neste caso, con ambas.
Acto II: a emoción. Lupton cuestiona como unir a emoción ao deseño. Neste proxecto, a emoción está no seu ADN. Trátase dunha innovadora produtora de sementes multi-especie, comprometida con recuperar a calidade das variedades tradicionais. Estas pequenas sementes, no teatro napolitano Mercadante, magnifícanse. Son sementes que pasan de xeración en xeración e que agora podemos atopar na tenda de horticultura, listas para ser plantadas coa certeza da súa trazabilidade. Pementos, grelos, millo, fabas... Sementares.
Acto III: a sensación. Recoñecer a importancia da percepción e da cognición, os procesos activos e transformadores clave que atopamos na representación gráfica da marca. Cando deseñei a marca de Sementares, ao principio dubidaba se sería demasiado arriscado converter a “m” nun campo sementado. Con todo, foi plenamente identificada: eses sucos salpicados de sementes transfórmanse, grazas á lei de Gestalt, nun símbolo recoñecible.
Finalmente, péchase o capítulo do libro coas secuelas. Ademais do trofeo, foi unha viaxe emocional interesante e transformadora, recollida por diferentes medios como El Faro de Vigo, ExtraDixital, Diario Cultural da Radio Galega, Logística-Press e a asociación de deseño DAG. Nos seus artigos destacan que este proxecto pode servir como inspiración e exemplo para outras empresas. "O éxito de Sementares é un claro exemplo de como a colaboración e o compromiso coa calidade poden levar a resultados excepcionais" e "unha semente de identidade".
El viaje del héroe –o de la heroína– es una estructura clásica de la mitología.