En negro contra as violencias (2015-2025)

En negro contra as violencias é unha acción social contra as violencias machistas que xorde en Santiago de Compostela en 2015 co impulso da Administración local.

O foco principal desta acción era cubrir de negro os escaparates, empresas, colexios e concellos. É unha chamada ao loito polos feminicidios, pero tamén á loita e á denuncia que se apoia con rótulos de diferentes lemas que se poden descargar da páxina web –todo o material está baixo licencia CC de libre acceso á cidadanía–.
“Esta iniciativa, que vai moito máis alá dos escaparates, sentou as bases dunha colaboración intermunicipal na que o persoal técnico e político comparten empeño por empregar metodoloxías de traballo, ferramentas e recursos para previr, visibilizar e denunciar as violencias machistas”.
Converteuse nunha acción social transmedia que crea redes entre as institucións e a cidadanía, canles que sitúan as violencias de xénero no centro do discurso, conseguindo chegar a ámbitos onde nunca antes realizáronse accións deste tipo, buscando implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, cultural e social, nunha resposta colectiva ao rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas.
Entre os numerosos eventos organizados destaca a creación dunha caseta efémera en espazos públicos e a edición dunha publicación que, ademais de recoller a experiencia, ofrece orientacións prácticas para poñer en marcha a iniciativa noutros contextos.

Dossier do proxecto En negro contra as violencias

Aínda que a acción comezou nos comercios, pouco a pouco foise incorporando a toda a cidadanía que, durante os meses de novembro, e máis en concreto na semana do 25N, difundía nas redes sociais diferentes actividades ou imaxes nas que, xa fose con carteis, camisetas ou outros materiais, espallaban a acción. 

Un dos valores máis destacables é que foi seguida por un número moi importante de homes que a reivindicaron e fixeron súa.

 

Grupo de homes en Tomiño, 2017

Ribadeo en negro

tenda de Zara

lona en el campo do deportivo

 


Chegamos a Bruselas

O 6 de novembro do 2017, aterramos en Bruxelas una delegación formada por representantes das distintas institucións locais e provinciais e o equipo de organización para presentar a campaña En negro contra as violencias machistas a nivel europeo. Foi un momento especialmente importante, non só pola onda expansiva que poida ter levar a acción ao Parlamento Europeo, senón porque tamén reforzaba os lazos entre os diferentes concellos. O medio centenar de persoas que participamos fomos recibidas pola presidenta e o vicepresidente da Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero (FEMM) do Parlamento Europeo, nese momento a lituana Vilija Blinkevičiūtė e o portugués João Pimenta Lopes, respectivamente, así como por outros eurodeputados e eurodeputadas de FEMM de diferentes países. Expuxemos a urxencia de situar na axenda política global unha resposta ás agresións machistas e traballar para poñer punto final á invisibilización dos acosos. Ademais de intervir no Parlamento Europeo, queriamos deixar pegada e ampliar a repercusión, polo que pensamos en realizar unha performance na gran praza do Parlamento (puxémonos mesmo en contacto con Spencer Tunick para propoñerlle unha colaboración, que ao final non foi posible); non había teito que parase a ilusión e a forza dese momento. As dúas xornadas que pasamos en Bruxelas permitíronnos poñer en común as experiencias dos diferentes equipos e responsables municipais dos concellos participantes e mellorar a estratexia.

en Bruselas

 


Instalación

En Santiago, no 1918, escoitando as voces que pedían máis información, elaboramos un xornal que se difundiu por toda a veciñanza, e deseñouse un espazo efémero en forma de triángulo con paneis que recollían os datos do alcance das violencias machistas, e algunhas claves para detectalas. O triángulo, construído coa colaboración de Finsa e a Fundación Paideia, ademais de informativo, tiña o obxectivo de interactuar con quen se achegase; colocado no medio da Praza do Obradoiro, serviu de acubillo aos peregrinos e de lugar de encontro, a modo de cabana dos desexos: podías escribir unha tarxeta e colgala na parede, nun lado as mensaxes de esperanza e noutro as experiencias. Ao finalizar a acción recollemos miles de desexos e de experiencias que reflectían a importancia e a magnitude do tema. O espazo efémero en forma de triángulo volveuse colocar ao ano seguinte na Praza Roxa de Santiago e, anos máis tarde, en 2022, instalouse en Pontevedra da man dun dos colectivos creados a carón da acción: Gráficas en Negro, co apoio do Concello e da Deputación de Pontevedra.

xornal e instalación do triangulotriangulo-instalación

instalación do triangulo na praza do obradorio

interior do triangulo

 


Logotipos e carteis

Inicialmente foron dous logotipos complementarios: o do lugar ou nome, acompañando de "En negro" como "Compostela en negro" e "Contra as violencias".  Logo incorporouse a versión: “En negro contra as violencias” para ser entendido noutros lugares e contextos.

O triángulo coa punta cara abaixo é unha icona lunar que simboliza a auga e o sexo feminino, é pouco recoñecido e, polo tanto, non está cargado con ningunha connotación que o fixese rexeitable. Así, este significado, implícito no triángulo, completa o lema “Contra as violencias” sen ter que usar “de xénero” ou “machistas”. Posteriormente decateime de que, tal como vai colocado na dianteira da camiseta, funciona tamén como un escudo poderoso, potencia acrecentada pola tipografía Blender que Nik Thoenen deseñou en 2003 (e redeseñada en 2017 coa colaboración de Vienna-Based Font), unha tipografía cadrada e robusta á que lle engadín un expresivo corte.

Escollín o negro porque as violencias de xénero teñen moitas formas, pero a máis dramática é a morte, e o negro é símbolo de dor, de loito e, ao mesmo tempo, tamén de rexeitamento, de loita e de forza. Por outra parte, é unha cor que pode ser viable para calquera dos establecementos, é unha non-cor uniforme, non existen tons diferentes, como pode suceder con outras cores.

logotipos da campaña

escaparate con maniquís coas camisetas

compostela-en negro-contra as violencias

Fachada de Finsa

cartel da campaña para o ano 2021

No 2021, a proposta foi a imaxe dun iceberg, un recurso iconográfico para evidenciar que só percibimos unha parte do problema, o máis evidente, os asasinatos, quedando escondidos todos os demais: os abusos, os insultos, a desconfianza, o control… Darlle visibilidade a esa parte foi o que tratei de facer de forma gráfica coa mesma tipografía e o mesmo uso da cor negra; iso mantén a identidade e faino amplamente recoñecible. Repartíronse nos establecementos comerciais, xunto a bolsas e a unhas tiras de papel coas mesmas palabras coas que aparecen no iceberg para que cada tenda puidese crear a súa escenografía.

E no ano 2022 a idea xeral foi a creación dun memorial co fin de lembrar as mulleres asasinadas. Sabemos que o que non se nomea non existe, e por iso quixemos transformar as cifras en nomes. Creamos unha realidade aumentada que se activaba a través dun código QR, desde os carteis colocados nos establecementos comerciais. Desde o smartphone accedías a unha pirámide-triángulo invertido a onde chegaban os nomes de todas as mulleres asasinadas nos últimos anos en Galicia e no último ano en España; ao final da animación, xorde o lema “Por ti, por min, por todas… Nin unha máis”.

Cartel da campaña do ano 2022

 


Realizáronse diversas pezas audiovisuais para amosar a campaña. Pódense ver no canal de youtube.

Así comezou a acción no 2015, en Compostela, coa complicidade dos establecementos comerciais.

 

No 2020, como non podiamos sair das casas, realizamos unha videoperformance na que artista Mónica Mura envolve, de forma simbólica e coa axuda da veciñanza, a cidade de Compostela cunha banda negra.

 


Publicación

No 2024, publicamos un libro recompilando a acción: "Sempre libres e vivas"

portada do libro

web do proxecto: www.ennegrocontraasviolencias.org

Versión en inglés

2015-2025

SERenidade, 2018 (cadena SER)

Premios Paraguas, 1ª Edición, 2016