Gallaecia Petrea
Gallaecia Petrea propón un percorrido pola presenza da pedra na cultura galega, desde as súas orixes ata a actualidade: desde o momento en que é elemento básico na definición da paisaxe ata as creacións culturais máis recentes. Formúlase coma un estudo das relacións entre o territorio e a pedra, coma un debate sobre un dos sinais de identidade da cultura, da paisaxe e do modo de vivir galego. Ocúpase da utilización da pedra como material construtivo e soporte artístico, explicando tanto as razóns polas que se recorre a ela como as técnicas de traballo empregadas e as diferentes linguaxes estéticas utilizadas. Ofrece un mostrario das propostas máis importantes, tanto útiles como artísticas, realizadas en distintos tipos de pedra, pero parte dunha análise xeolóxica do territorio, que explica as razóns polas que se elixe en cada momento un material determinado.